6/12/08

Wiki colaborativa sobre a Selectividade en Galicia (Latín e Grego)

Na wiki de Chiron ven de abrirse un apartado sobre a Selectividade en Galicia na materia de Latín e na materia de Grego onde se poden consultar os exames e criterios así como os materiais que todos nos estamos a facer para renovar os clásicos na nosa terra. Anímovos a ir engadindo de forma colaborativa os materiais que vaiades facendo neste eido.

1/12/08

Píramo e Tisbe (tradución e guía didáctica)


Xa podedes ler a histoira de Píramo e Tisbe en galego na tradución de X. Manuel Otero e contestar as preguntas da guía de lectura. Intentade tamén describir os distintos cadros do "cómic" que forma a imaxe desta entrada.

26/11/08

Orfeo e Eurídice nas Metamorfoses de Ovidio con guía de lectura


O profesor Xosé Manuel Otero ofrécenos a tradución do mito de Orfeo e Eurídice segundo as Metamorfoses de Ovidio e eu mesmo en colaboración con el poño a disposición unha breve guía de lectura do texto ovidiano.

Texto Orfeo e Eurídice

Guía de lectura de Orfeo e Eurídice

24/11/08

Chiron en Santiago ou unha oportunidade para que os clásicos galegos se poñan en camiño

Esta fin de semana, un grupo de oito centauros chironianos desembarcaron en Santiago de Compostela, dispostos a dar un curso titulado "Chiron: clásicas 2.0 na aula", organizado pola sección de Galicia da SEEC (Sociedad Española de Estudios Clásicos), dentro dos programas de formación do profesorado da Universidade de Santiago. Podedes ver a crónica da experiencia no blog Doceo et Disco e enVoces griegas e tamen fotos do evento. Os meus parabéns a Álvaro, verdadeira referencia dos clásicos galegos na rede, pola organización e a paixón que pon neste eido.
Pola miña parte tiven o pracer de coñecer a centauros que aínda non coñecía e ver cómo o grupo se crece ante as dificultades. Agradecer tamen a paciencia dos profesores ante as dificultades técnicas e animalos a emprender esta nova vía.
O meu desexo, e o de todo Chiron, é que comencen a aflorar blogs, wikis e aulas virtuais nos nosos lares, pouco a pouco pero sen pausa.
Como di a centauresa Ana: compartir é multiplicar e en Galicia seguro que temos moito que compartir e quizáis non coñeciamos os medios para facelo.
Como se comentou no curso, en Galicia temos moito por facer e o terreo é practicamente virxe: blogs de profesores, de alumno, de aula; entradas na galipedia; aulas virtuais...
Boa sorte aos participantes na fase virtual e moitos ánimos. Confío en que pronto se verán os froitos.

17/11/08

Materiais para 2º de Bacharelato Latín

No blog O olmo dos falsos soños xestionado polo profesor Xosé Manuel Otero atoparedes abundante material para Latín de 2º de Bacharelato de cara as probas de Selectividade.
Dende unha guía de lectura para os poemas de Catulo e a traducción dos mesmos en galego, o tema da lírica romana, o tema da épica e Virxilio e as primeiras entregas dos aforismos e topónimos 2008-2009.

14/11/08

Obradoiros de escrita romana e de moedas gregas e romanas

Neste enlace tedes cumplida conta dos obradoiros de escrita romana e de moedas gregas e romanas que levamos a cabo no noso centro e que poden facerse noutros lugares e niveis.

Obradoiros de escrita romana e de moedas gregas e romanas.

Materiais para traballar con Catulo na aula

Aquí podedes consultar materiais para traballar a lectura dos poemas de Catulo. Todos deberiamos agradecer a Xosé Manuel Otero todo o seu traballo e a magnifica traducción dos poemas de Catulo ao galego.

Guía de lectura dos poemas de Catulo

16/9/08

Novidades na selectividade

O grupo de traballo acordou para o curso 2008-2009 fixar o seguinte programa para as probas de selectividade:
1. TEXTOS: Manter os mesmos autores, Eutropio e Fedro, para o próximo curso e o mesmo sistema en canto a extensión, dificultade e pregunta gramatical.

2. LITERATURA: Incluír un tema máis no programa de literatura para que poida entrar o teatro latino e que quedará fixado co seguinte título: O teatro latino: Plauto

3. MUNDO CLÁSICO:
A) Eliminar a cuestión sobre o mundo clásico que se viña plantexando sobre arqueoloxía, historia… e substituíla por unha lectura como se determina a continuación.
B) O número de aforismos ou frases latinas será de 150, calculados 50 por trimestre, entre os máis habituais nos libros de bacharelato.
C) O número de topónimos será de 75, calculados 25 por trimestre, incluíndo tan só topónimos de orixe latina de entre a toponimia hispana
D) Como lecturas propóñense textos que se correspondan cos temas de literatura a estudar:

a) Épica: Ovidio, Apolo e Dafne (Ovidio, Metamorfosis, I, 452-567) Píramo e Tisbe (Ovidio, Metamorfosis, IV, 55-166) Orfeo e Eurídice (Ovidio, Metamorfosis, X, 1-71)

b) Lírica: Catulo, Poemas de Catulo e Lesbia (Catulo, 51, 2, 86, 87, 109, 5, 7, 3, 85, 70, 8, 11) A orde reflicte unha secuencia nos sentimentos de Catulo

c) Historiografía: Livio A traxedia de Lucrecia (Tito Livio, Historia de Roma desde su fundación, I, 56,4-60)

d) Oratoria: Tácito, Discursos de Calgaco e Agrícola (Tácito, Agrícola, 30-32 e 33-34); Contexto, discursos e batalla: capítulos 29-38.
Texto bilingüehttp://antalya.uab.es/pcano/aulatin/methodos/cano2tablas.PDFEstudo retórico do discurso de Agrícolahttp://antalya.uab.es/pcano/aulatin/methodos/cano3agricola.PDF

e) Teatro: Dúas posibilidades:

1. Película Golfus de Roma, para abordar o estudo da comedia plautina a través da película, sobre a que existe abundante información na rede con cuestionarios para os alumnos, artigos, etc cf. http://cineymundoclasico.blogspot.comGuía didáctica de Golfus de Roma. Por Fernando Lillo Redonet.
Plauto y Golfus de Roma. Información sobre as relacións da película con Plauto e, ademais, algúns exercicios. Escrito por Pedro Luis Cano.

2. Lectura, en galego ou castelán, de Anfitrión
Recoméndase realizar un diálogo activo cos textos de forma que o lector responda diante do lido coa súa opinión persoal ou coa recreación literaria ou artística do seus contidos. A clase de lectura de textos debería ser dinámica con intercambio de experiencias mediante a lectura dramatizada e eventuais debates

O listado de topónimos e de aforismos para este curso esta en http://ciug.cesga.es/marcopaau.html

Como pode comprobarse as novidades están na modificación das listas de aforismos e topónimos, na inclusión do tema de Plauto nos temas de literatura latina e nunha breve escolma de lecturas.
O apartado de lecturas é o máis novedoso e pretende ofrecer textos breves e sobre todo atractivos a o alumnado de hoxe xa que ofrecen moitas posibilidades de traballo. Neste punto séguense os criterios de avaliación nº 4 e 6 do novo currículo de Latín II:

4. Realizar comentarios de textos traducidos, analizar as estruturas e trazos literarios deles e recoñecer o papel da literatura clásica nas literaturas occidentais.Con este criterio preténdese comprobar a identificación dos elementos esenciais dun texto literario, formais e de contido, e se se recoñecen os diversos xéneros polos seus trazos diferenciadores. O comentario versará sobre textos con sentido completo de diversos xéneros literarios e a súa comparación con textos da literatura posterior, especialmente a escrita en galego e castelán nos que sobrevivan trazos, temas ou tópicos da literatura latina.

6. Ler obras da literatura latina traducidas.Con este criterio preténdese que o alumnado capte a mensaxe contida na obra, as claves do xénero e o seu contexto histórico. Pode tratarse de obras completas, traducidas ou adaptadas ao nivel de bacharelato, ou ben de antoloxías dunha única ou varias autorías ou que se articulen ao redor de temas concretos. O que se busca fundamentalmente é potenciar o hábito de lectura con textos atractivos para o alumnado.

Os textos de Catulo, na miña opinión de lectura imprescindible nun curso de Latín II, podense por en relación coa tradición clásica que xeraron. Na rede está o meu artigo Presencia de Catulo y Tibulo en la poesía gallega del siglo XX que pode ser útil.

Os de Ovidio teñen abundante tradición clásica en galego e castelán e sobre todo iconográfica que pode completar a súa lectura.

A traxedia de Lucrecia ten tamén representacións iconográficas e resulta unha lectura entretida.

Os discursos de Tácito, moi pouco coñecidos, resultan sorprendentes e actuales no seu análise do imperialismo romano e a romanización, ademáis de ser excelentes pezas oratorias.

En Plauto ofrécense dúas posibilidades coa novidade de poder traballar coa película Golfus de Roma.

Penso que as novidades non son difíciles de seguir e poden contribuir a facer a mateira máis atractiva.

19/5/08

Unha familia romana de Vigo, grazas a Xosé Mª Álvarez Blázquez


Con motivo do Día das Letras Galegas adicado este ano a Xosé María Álvarez Blázquez paga a pena recordar que foi quen atopou as estelas funerarias romanas que hoxe están no Museo "Quiñones de León". Agora mesmo hai no museo unha exposición sobre o noso autor na súa faceta de arqueólogo ata o 20 de xullo de 2008.
Podedes ver aquí as fotos da sala de Arqueoloxía e aquí unha historia visual moi boa sobre a romanización de Vicus.
Se queres coñecer a historia dunha familia romana que podemos reconstruir a través dalgunhas das estelas e practicar o teu latín descifrándoas (son moi sinxelas) preme aquí.

8/5/08

Benvida ao novo blog O OLMO DOS FALSOS SOÑOS

Quero dar a benvida á blogosfera dos clásicos en galego ao blog O olmo dos falsos soños. Os clásicos con outra mirada mantido polo meu xefe de departamento Xosé Manuel Otero, que ten subido tamén moi bos materiais na web do noso departamento de Latín do IES San Tomé de Freixeiro.
Comeza cun post sobre Hércules no palacio Vecchio de Florencia con moi boas fotografías dos traballos deste heroe e vai ir engadindo (xa hai algúns) materiais de Cultura Clásica e Latín.

22/4/08

A presenza do Latín nas nosas linguas

Xose Manuel Otero, xefe do departamento de Latín do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo ven de colgar na rede unha presentación flashspring con exercicios prácticos e sinxelos sobre as reglas de evolución fonética do latín ao galego e ao castelán.

6/3/08

Escolma de textos de Eutropio (Monarquía)


Iniciamos unha escolma apresurada e non oficial de textos de Eutropio, o autor de prosa para a selectividade, na que pretendemos unir a cultura coa lingua aportando páxinas web que amplíen os coñecementos que mostra o texto. Comezo pola monarquía, pero a idea é ir ampliando a escolma a todos os libros de xeito progresivo.

Espero que vos sexa de utilidade.


28/2/08

Xogos romanos no IES San Tomé de Freixeiro


No IES San Tomé de Freixeiro fixemos esta experiencia de xogos romanos pioneira en Galicia nunha clase de Cultura Clásica con rapazas e rapaces de 3º de ESO D unha mañá de inverno que máis parecía de primavera.
Esperemos que sexa do vos agrado e que a poñades tamén en práctica nos vosos centros.

A presentación está en Flash Spring.

1º/ Para ver as animacións e mellor avanzar pulsando a flecha de dirección avance do teclado.
3º/ Se non visualizas a presentación debes baixar Flash Spring Pro 3.0 (gratis en flashspring.com)




15/2/08

Itinerario de Cultura Clásica polas rúas da cidade de Vigo


Este venres fixemos un itinerario de Cultura Clásicas polas rúas da cidade de Vigo. Podedes consultar o caderno de actividades e as fotos do percorrido que demostran que Vigo é unha cidade Clásica.